Wednesday 08 de May de 2024

Nova sesión do programa Feiras Activas coa actuación este domingo 20 de outubro do grupo Luz do Ilicino


 

O Concello de Boqueixón continúa este domingo 20 de outubro co seu programa de dinamización dos mercados dominicais. As Feiras Activas ofrecerán ás 12.30 horas no Campo da Feira de Lestedo unha actuación musical do grupo Luz do Ilicino, pertencente á Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. Dende o Concello animan a veciñanza e visitantes a achegarse este domingo ao Campo da Feira de Lestedo para gozar desta actuación.

Xa para o mes de novembro, a programación das Feiras Activas continuará coa posta en marcha dunha Feira do Magosto, a celebrar tamén en Lestedo. Esta terá lugar o domingo 3 e combinarase co espectáculo dirixido a público familiar Xogos Paporrubio, que terá lugar ás 12.30 horas.

A seguinte cita será na Carballeira de Rodiño o domingo 10 de novembro. Para este día organízanse unhas Xornadas Micolóxicas. Ao igual que no caso anterior, esta actividade complementarase cunha actuación que correrá a cargo de Fredi&Cía. Porán en escena, a partires das 12.30 horas, o seu espectáculo Circanelo, dirixido a público familiar.

O programa Feiras Activas é unha iniciativa impulsada a través dos Departamentos de Cultura e Turismo de Boqueixón coa que se pretende incentivar e potenciar os mercados de Lestedo (no primeiro e terceiro domingo de cada mes) e de Rodiño (o segundo domingo de mes) aportando un valor engadido a través de propostas culturais e de lecer.